O Arquivo de Galicia avanza no desenvolvemento do cadro de clasificación do fondo documental da Xunta de Galicia

Data de publicación: 05-07-2012
O Arquivo de Galicia avanza no desenvolvemento do cadro de clasificación do fondo documental da Xunta de Galicia.
 
Os traballos realizados no Arquivo de Galicia durante o ano 2011 e o primeiro trimestre do 2012 permitiron completar o desenvolvemento da estrutura documental baseada en funcións cuxa primeira fase fora presentada no Estudo orgánico e funcional da Xunta de Galicia, publicado no ano 2010.
 
O cadro de clasificación de fondos é a ferramenta fundamental que permite a xestores e arquiveiros o control e o acceso aos documentos e constitúe un elemento imprescindible para a  implantación da Administración electrónica.  
 
O desenvolvemento do cadro de clasificación de fondos do Arquivo tivo o seu correlato na execución da 1ª fase do Plan de Identificación e Avaliación de documentos da Xunta de Galicia. Estes traballos deron como resultado o estudo de 350 series documentais (procedementos) identificadas e avaliadas, correspondentes ás diferentes funcións administrativas desenvolvidas pola Administración de Galicia. As análises realizadas permitirán iniciar con seguridade nun futuro próximo os traballos do órgano colexiado que se encargue de ditaminar sobre a conservación ou eliminación de documentos da Xunta de Galicia.
Acceso ao cadro de clasificación actualizado