O Arquivo de Galicia recibe unha nova doazón de documentos

 
A fins do pasado mes de xuño, a familia Vilariño Pintos de Santiago de Compostela entregou  ao Arquivo de Galicia novos documentos do fondo familiar e libros que complementan as doazóns que xa efectuaran nos anos 2010 e 2011, aceptadas pola Xunta de Galicia polos decretos 120/2010, do 1 de xullo, e 64/2011, do 24 de marzo.
O fondo documental Vilariño Pintos consta de 18 unidades de instalación (caixas), uns tres metros de documentos dos séculos XIX e XX (ademáis dalgún exemplar do século XV). O conxunto entregado agora está composto por 36 documentos familiares  e 14 libros de Arquivística ou Historia.
Como outros grupos familiares, a familia que dá nome a este fondo documental conformouse ao longo de varios séculos por agregación de diferentes ramas. Vinculada á vila de Noia e a apelidos de ascendencia rioxana coñecidos pola súa actividade empresarial (De Andrés, Moreno), poderíamos dicir que xa no século XIX a familia está plenamente integrada na sociedade compostelana. O exercicio de actividades profesionais, intelectuais ou políticas, a participación en empresas mercantís ou industriais e, como complemento, a adquisición e administración de rendas territoriales constituíron as dedicacións principais de moitos dos seus membros, entre os que destacamos a José de Andrés Moreno -administrador e albacea testamentario do marqués de Monroy-, Eduardo Vilariño Magdalena -catedrático de Dereito Natural desde 1898, avogado de notoriedade e político vinculado ao partido liberal- ou a Camilo Pintos Reino -nado en Santiago en 1867, profesor de anatomía e director de diversos balnearios, como os de Mondariz ou Arteixo.
En 1897 naceu en Santiago José Vilariño de Andrés Moreno, fillo de Eduardo Vilariño Magdalena. Licenciado en Dereito coma el, exerceu a docencia na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago e se dedicou tamén á avogacía e a administración de propiedades. Foi letrado da Cámara da Propiedade Urbana de Santiago, secretario da Sociedade Económica de Amigos del País e membro da Corporación municipal nos anos da II República.