Exposición no Arquivo de Galicia: "Patrimonio inmoble e patrimonio documental: a protección e intervención nos bens culturais a través dos documentos dos arquivos"

Data de publicación: 11-12-2012

 O patrimonio cultural é un sector de permanente actualidade nun país como o noso, rico nesta clase de bens. A súa diversidade é tamén notable. O patrimonio documental, custodiado nos arquivos, é moi pouco visible é coñecido, pero o seu interese é moi elevado porque, ademais de integrar as fontes de información que permiten reconstruír a historia da intervención nos bens culturais desde os comezos do réxime liberal en España, a principios do século XIX, ata a actualidade, constitúe a materia prima na que se concretan e toman forma as propias actividades que as distintas Administracións públicas desenvolven para a defensa, promoción e intervención da parte visible do patrimonio, o patrimonio construído.


 O proxecto desenvólvese maioritariamente con documentos procedentes daqueles arquivos onde se achan os fondos documentais dos órganos administrativos que tiveron ou teñen competencia sobre a xestión do patrimonio cultural en Galicia, desde a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e as Comisións Provinciais do Patrimonio do século XIX e parte do XX ata a actual Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, pasando polo Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional ou a Dirección General de Bellas Artes de ámbito estatal. Estes arquivos son, ademais do propio Arquivo de Galicia, outros galegos como o do Reino de Galicia (A Coruña), o da Real Academia Galega, o Histórico Provincial de Lugo, ou Histórico Provincial de Ourense; e de fóra de Galicia, como o da Real Academia de Belas Artes, o do Ministerio de Cultura ou o Xeral da Administración de Alcalá de Henares.

 

A a exposición desenvolverase en catro seccións:


1. A administración e o patrimonio cultural: historia da protección e a intervención no patrimonio cultural en Galicia

2. A protección dos bens culturais.

3. A intervención no patrimonio.

4. A sociedade e o patrimonio: uso e difusión dos bens culturais.