O Arquivo de Galicia recibe o fondo documental do Hospital Psiquiátrico de Conxo, Santiago de Compostela (1885-1978)

Data de publicación: 07-01-2013
O Hospital Psiquiátrico de Conxo naceu o 1 de xuño de 1885 como obra pía do cabido da catedral de Santiago, por iniciativa do cardeal Payá, daquela arcebispo na sede compostelá.
A crecente demanda asistencial leva aos propietarios do hospital a pensar xa en 1889, na constitución dun padroado que dese entrada a accionistas cos que afrontar unha ampliación do centro: así Timoteo Sánchez Freire, director médico do establecemento, o banqueiro santiagués Olimpio Pérez Fernández, José García Mouriño, un emigrado retornado cliente de Olimpio Pérez, e Juana Blanco Navarrete, viúva de Simeón García de la Riva, en representación do Banco Viúda de Simeón e Hijos, pasarán a formar parte do Padroado e, polo tanto da súa Xunta de Goberno do hospital.
No ano 1891 asínanse acordos para que as catro deputacións galegas e a de León podan enviar a Conxo dementes pobres ao seu cargo. Con todo, correspondía ao Goberno exercer o protectorado sobre a beneficencia particular, como establece a Instrución aprobada polo Real decreto de 14 de marzo de 1899, a proposta do Ministro da Gobernación.
No ano 1969, o Hospital foi adquirido pola Deputación Provincial da Coruña. Finalmente, en 1993, tanto o Hospital Psiquiátrico de Conxo como o que fora Hospital Provincial foron transferidos ao (SERGAS) mediante o Decreto 373/1992, de 17 de decembro.
Entre as series documentais que compoñen o fondo atopamos, entre outras, diferentes tipos de rexistros, como o xeral de alleados (1885-1978), o de defuncións (1886-1971), libros copiadores de cartas (1964-1969) ou os libros de contas de pacientes ingresados (1910-1970); ou de expedientes, como os de altas de enfermos (1886-1971), de defuncións de enfermos (1886-1971) ou as historias clínicas do hospital desde 1890 a 1951.
Todo o conxunto documental constitúe, pois, unha fonte de importancia capital para o coñecemento da historia da Psiquiatría en Galicia e dos establecementos hospitalarios en xeral, por suposto, pero tamén do entorno social, político e económico en que agromaron e se desenvolveron.
IMAXES