Documentos da Comisaría de la 1ª Zona del Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional

Data de publicación: 12-02-2013
Ambos os dous órganos poden considerarse antecedentes da actual Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como así o testemuñan as series documentais que dan constancia do desenvolvemento das funcións que tiñan encomendadas, baseadas nas disposicións da vella Lei de 13 de maio de 1933, do patrimonio artístico nacional, e noutras normas anteriores e posteriores. Podemos atopar así expedientes informativos de monumentos con rica información de carácter textual ou fotográfico sobre toda clase de bens culturais espallados por toda a xeografía galega, informes, expedientes de autorización de obras (que inclúen proxectos e fotografías), fichas do inventario dos bens constitutivos do patrimonio, denuncias sobre atentados contra o patrimonio, correspondencia... Boa parte destas series documentais teñen a súa continuidade, sen aparente ruptura, nas que seguen a producir a dirección xeral citada e os órganos colexiados que dela dependen.
Amosamos aquí dous documentos que ilustran sobre o comezo da actividade da Comisaría da 1ª Zona en Santiago de Compostela en 1945, nas dependencias que a Catedral puxo á súa disposición na praza de Praterías. No primeiro, o comisario, Manuel Chamoso Lamas, comunica ao concello o inicio da actividade da oficina da Comisaría en Santiago. No segundo, o alcalde, Jorge de la Riva Barba, acusa recibo e ofrécelle a colaboración da institución municipal.
Estes documentos formarán parte da exposición: Patrimonio documentado: a protección e intervención nos bens culturais a través dos documentos dos arquivos, que organizada polo Arquivo de Galicia terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia a partir do mes de xuño deste ano.
Comisaría do Servicio del Patrimonio Histórico Artístico