Presentación do libro En cadea sen prijon: cancioneiro de Afonso Paez. Poesía galega postrobadoresca (1380-1430ca.)

Data de publicación: 29-04-2013
 
Martes, 30 de abril, ás 12:00 h., presentación do libro En cadea sen prijon: cancioneiro de Afonso Paez. Poesía galega postrobadoresca (1380-1430ca.), no salón de graos da Facultade de Filoloxía  (Avda. Castelao s/n.) de Santiago de Compostela.
Descubriron estes poemas arquiveiros do Arquivo de Galicia e do Arquivo Histórico Provincial de Lugo en xaneiro de 2010 nun arquivo familiar lucense, asociados a un caderno de notas do escribán ferrolán Lopo García de Toar dos anos 1433 e 1434.
O profesor Henrique Monteagudo, que é o autor da transcrición, edición e estudo destes poemas, explica así a transcendencia deste achado para a cultura galega:
“No presente volume ofrecemos un pequeno mangado de poemas, non máis de vinte e tres, que, na súa modestia, supoñen unha extraordinaria revelación que deita un raio de luz nun recanto ata agora descoñecido da traxectoria cultivada do noso idioma.
(...)
“Ata o de agora tendía a darse por suposto que a definitiva decadencia poética do galego, que se desenvolveu en relación inversa coa emerxencia do castelán, viñera da man da obsolescencia da poesía lírica que recuaba paseniño ante a nova moda da poesía recitada.
“Os poemas que presentamos convidan a rever a devandita visión...Semellan indicar que o outono poético do galego medieval non só foi máis tardío do que supuñamos ou criamos saber, senón máis rico e creativo, menos decadente. En todo caso, o alcance da súa importancia non se limita á historia literaria galega, mais atinxe o conxunto da historia literaria peninsular.