Exposición "Patrimonio documentado": visitas guiadas

867, maio, 7. San Vicenzo de Almerezo (Ponteceso, A Coruña). Rosendo, bispo de Mondoñedo, doa ao mosteiro de San Vicenzo de Almerezo o lugar de Almerezo con todo o que posúe por herdanza do seu tío Gavinio (terras, gandos, libros e alfaias). Arquivo do Reino de Galicia. Colección de Diplomas en Pergamiño, nº 25.
Data de publicación: 25-06-2013

1. Antecedentes: a evolución do concepto de patrimonio: o tesouro

 

Na Galicia da Idade Media, os bens máis valiosos son os que se conservan nas igrexas: os libros e os obxectos litúrxicos, e os documentos que acreditan a propiedade das terras constitúen así o tesouro, que debe preservarse porque representa a continuidade da institución.

Entre os bens que Rosendo, bispo de Mondoñedo, doa no ano 867 ao mosteiro de San Vicenzo e San Xoán de Almerezo áchanse obxectos domésticos e libros.

O coidado e esforzo postos na xestión dunha parte dese tesouro, o arquivo, favoreceu a creación de rexistros de escrituras que, como os denominados libros tombos, asegurasen a súa conservación e organizasen o conxunto de acordo cuns criterios determinados. Así, desde a Idade Media, as grandes institucións eclesiásticas afanáronse en elaborar rexistros de escrituras que recollesen e acreditasen dunha forma rápida e sintética as terras e rendas que posuían.

Ese coidado, traducido na redacción de tales rexistros, demostra a importancia e valor simbólico que chegaron a posuír. O Tumbo dourado universal do Mosteiro de Santa María de Melón é unha boa mostra disto.

 

Exposición Patrimonio documentado: o tesouro