Tradución ao galego dos "Principios de acceso aos arquivos" do Consello Internacional de Arquivos

Data de publicación: 12-08-2013

A través da  sección "Servizos/Descargas" do sitio web do Arquivo de Galicia pódese acceder á tradución ao galego dos Principios de acceso aos arquivos elaborados por un grupo de traballo específico do Comité de Boas Prácticas e Normas do Consello Internacional de Arquivos, dirixido por Trudy Huskamp Peterson,  e aprobados na asemblea xeral celebrada o 24 de agosto de 2012. A tradución é accesible tamén  na sección "Recursos" do Portal de Arquivos de Galicia.

A tradución ao galego dos Principios de acceso aos arquivos súmase así ás outras existentes na actualidade: catalán, chinés, español, francés, inglés, xaponés, portugués e rumano e complementa outros dous documentos do Consello Internacional de Arquivos traducidos anteriormente e aos que tamén se pode acceder nas páxinas citadas: o Código de ética e a Declaración Universal sobre os Arquivos.

Os Principios de acceso aos arquivos están compostos por 10 principios cun comentario que explica cada un deles; os Principios e o comentario considerados no seu conxunto constitúen a base da práctica profesional. Os principios están acompañados dun breve glosario.