Ponse en marcha o proxecto ARPAD

ARPAD: Arquivo Dixital Integrado e Conservación do Patrimonio
Data de publicación: 21-11-2013
Entre as accións previstas polo proxecto, áchase a posta en marcha do Sistema de Arquivo Dixital Integrado na Xunta de Galicia, que conformará a infraestrutura básica que permita o desenvolvemento real da Administración e o arquivo electrónico de documentos na Xunta de Galicia.
A participación do Arquivo de Galicia concretarase no desenvolvemento do cadro de clasificación funcional da Xunta de Galicia, na identificación e valoración de series documentais concretas e de tipos documentais simples; na participación no desenvolvemento do directorio de órganos e unidades administrativas e do catálogo de procedementos da Administración de Galicia ou na implementación do esquema de metadatos que permita o funcionamento real e a interoperabilidade do sistema de acordo coas normas internacionais e españolas.
Outro aspecto relevante e orixinal deste proxecto será a integración en ARPAD, mediante a súa dixitalización, de obxectos dixitais procedentes do patrimonio documental de Galicia que se seleccionarán en diferentes arquivos de Galicia xestionados pola Xunta de Galicia.
O proxecto está dotado con 4.738.075,21 euros e dirixido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Ademais do Arquivo de Galicia (que está representado a través  da Secretaría Xeral de Cultura), participan no mesmo a Dirección Xeral de Administración Local e o Centro Informático de Xestión Tributaria, Económica-Financeira e Contable (CIXTEC), por parte da Xunta de Galicia; a Deputación de Pontevedra; o Concello de Tui e a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima (CIM Alto Minho). Deberá finalizar antes do 30 de xuño de 2015.
ARPAD