Ingresan novos fondos privados no Arquivo de Galicia.

Documentos do fondo documental Familia Cervela Lira.
O fondo da familia González Regueral y Losada está composto por documentos comprendidos entre os anos 1519 e 1955 procedentes das distintas ramas familiares que confluíron nos últimos produtores – Juan González Regueral Losada e os seus irmáns- e relacionados fundamentalmente coa adquisición e administración de bens raíces espallados polos concellos costeiros da provincia de Lugo e terras de Ortegal, Bergantiños e Santiago, na da Coruña. Nalgúns casos, o ámbito espacial amplíase ata zonas de Asturias ou de Zamora. Son 8 unidades de instalación (1 metro de andel).
Algúns documentos do fondo reflicten as actividades desenvolvidas por membros da familia en relación co desempeño de cargos gobernativos ou lexislativos no Estado na segunda metade do século XIX, pois conteñen borradores de disposicións normativas mesturados con exemplares da Gaceta de Madrid ou, tamén, con impresos legais oficiais ingleses dos anos 1848, 1851 e 1854.
O fondo da familia Cervela Lira, propietarios do pazo de Valiñas, comprende 13 unidades de instalación (1,5 metros de andel) datados entre 1539 e 1949. O pazo de Valiñas sitúase na parroquia de San Martiño de Callobre (A Estrada, Pontevedra).
O arquivo componse maioritariamente por documentos acreditativos da propiedade e da administración dos bens que foron conformando o patrimonio familiar ao longo do tempo. Ademais, existen outros de carácter persoal ou relacionados co desempeño de funcións político- administrativas por parte de diversos membros da familia. Así Ángel Cervela, depositario e administrador da Subdelegación Especial de Policía da Coruña, dependente da Intendencia de Galicia, ou Rafael Cervela Malvar, capitán da 4ª Compañía do Batallón de Ferrocarrís da Illa de Cuba; ou, tamén, algún outro membro da familia que debeu de traballar no Goberno Civil de Segovia durante a segunda metade do século XIX.
Algúns documentos do fondo documental Familia Cervela Lira.