O Arquivo de Galicia recibe o fondo documental da Asociación Galega de Compositores (século XX).

Data de publicación: 03-04-2014
A AGC creouse  o 22 de xuño de 1987 como entidade sen ánimo de lucro para promover a gravación, interpretación e publicación das obras musicais dos seus membros e a dos compositores históricos galegos, ademais da organizar, colaborar e participar en diversas actividades como homenaxes, xornadas ou ciclos musicais. O seu fondo documental está constituído, xa que logo, por obras de creación musical recollidas pola Asociación e pola documentación xerada no desenvolvemento das súas actividades.
Coa recepción deste fondo, o Arquivo de Galicia ten a oportunidade de dar apoio á creación musical en Galicia contribuíndo a unha desexada normalización, de asegurar a conservación e tratamento técnico adecuado deste patrimonio, en boa parte inédito ou non executado de forma pública, ademais de favorecer o acceso ás obras depositadas mediante a consulta e copia con finalidade non comercial.