O Arquivo de Galicia recibe as Actas da preautonomía

Estes documentos orixinais, na súa maior parte dilixenciados e asinados, ata entón foran custodiados pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O seu valor é innegable por manifestar os actos colexiados de goberno do presidente e o Consello da Xunta de Galicia na súa etapa preautonómica. Este período, crucial para a Historia de Galicia, iníciase coa constitución da Xunta como órgano provisional de goberno por Real Decreto Lei 7/1978 do 16 de marzo e finaliza coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia como Lei Orgánica 1/1981 do 6 de abril.
A Xunta de Galicia naceu como órgano con personalidade xurídica propia e contou inicialmente con 11 membros elixidos polos deputados e senadores proclamados nas eleccións xenerais de 1977 en Galicia e os 3 senadores galegos de designación rexia. O acto da súa constitución oficial celebrouse o día 18 de abril de 1978. Dende entón asumiu competencias sobre a súa autoorganización, as relacións con diferentes órganos do Estado e coas entidades locais, a xestión de funcións e servizos transferidos e as propostas ao goberno estatal de medidas que afectaban aos intereses galegos.