Día Internacional dos Arquivos no Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela

Co gallo do Día Internacional dos Arquivos que conmemora a creación no 1948 do "Consejo Internacional de Archivos", o vindeiro 9 de xuño o Cabido da S.A.M.I. Catedral de Santiago de Compostela e o seu Arquivo Catedralício organizan diversas actividades para promover o valor do Arquivo e dos arquivos en xeral ó servicio da investigación, a cultura, a memoria e a transparencia.

En primeiro lugar, desenvolverase unha Xornada de Portas Abertas para que calquer cidadán sexa quén de acceder e coñecer directamente os espazos, funcionamento e fondos do Arquivo Catedralício mediante a organización de visitas guiadas e de valde, ó tempo que se manterán os servizos habituais do centro, incluido o de consulta na sala. Estas visitas constarán de:

- Un percorrido explicativo polas estancias do Arquivo e Biblioteca, que permitirá acceder non só á área pública (única parcela habitualmente accesible para os usuarios), senón que tamén ás salas de catalogación (onde poderán contemplar "in situ" o traballo dos técnicos do arquivo) e ós depósitos bibliográficos e arquivísticos (onde se custodia o valiosísimo acervo documental da Catedral), incluindo a Sala Capitular e a Biblioteca Antiga.

- A exposición dalgunhas das pezas orixinais máis representativas, como é o Códice Calixtino (un dos máis valiosos de Galicia e da Igrexa de España, obxecto clave no estudo do culto ó Apóstolo e do Camiño de Santiago), o Tumbo A (cartario dos séculos XII-XIII, que copia os documentos máis antigos da Igrexa compostelán ilustrados cos retratos dos reis de Asturias, Galicia, León e Castela) ou o Breviario de Miranda (breviario compostelán do século XV, xoia da miniatura galega, única de inspiración flamenca).

- Ó remate da visita os participantes recibirán un agasallo de recordo.

En segundo lugar, celebrarase na Sala Capitular da Catedral de Santiago de Compostela un Acto de presentación de diversas iniciativas do noso centro:

- Presentaranse os dous primeiros números da revista Annuarium Sancti Iacobi, instrumento de expresión cultural do Arquivo e Biblioteca, cuxo principal obxectivo é a difusión e proxección internacional dos seus fondos e da laboura técnica e investigadora desenvolvida no centro.

- Daranse a coñecer na páxina web da revista Annuarium Sancti Iacobi e a páxina web do Arquivo-Biblioteca da Catedral, concebidas como os seus principais instrumentos de difusión online.

- Ó remate do acto os asistentes recibirán un exemplar da revista.

O acto contará coa presenza dos medios de comunicación.