As diferenzas salariais de xénero na documentación dunha empresa conserveira

Data de publicación: 14-11-2014
Nas sociedades urbanas a división do traballo estaba clara e a muller, neste esquema previo, debía realizar tarefas domésticas ou estar preferentemente na casa. Aínda así, cando nos sectores populares desta sociedade a economía familiar era feble, requiría a colaboración da muller para cubrir os gastos que o mantemento da familia xeraba. Entón debía exercer unha actividade fora do fogar.
En este contexto o número de asalariadas crecerá, pero cos problemas habituais da incorporación, como a dobre xornada, o salario menor ou as malas condicións.
As contías dos salarios das industrias conserveiras establecéronse por medio de Ordes do ministerio de Traballo nos anos 1939 e 1946. Estaría composto polo salario base diario máis os complementos por cargas familiares, participación en beneficios e gratificacións, suplemento por horas nocturnas e horas extraordinarias.
Neste momento a lexislación establecerá unha marcada diferenza entre categorías ou territorios e legalizará a vantaxe dos homes sobre as mulleres.
A lei de 22 de xullo de 1961 sobre Dereitos políticos, profesionais e de traballo da muller, suavizará esta discriminación, pero só no plano legal, ao establecer no seu artigo 4.2 que "las disposiciones laborales reconocerán el principio de igualdad de retribución de los trabajos de igual valor".
No seu desenvolvemento por Orde de 5 de febreiro de 1963 establécese que: "Los salarios mínimos…se aplicarán tanto a los trabajadores varones como a mujeres, sin discriminación por razón de sexo; afectan inclusive…a las actividades especificamente femeninas”.
De forma excepcional, neste caso a lexislación foi por diante da realidade social.