Día Internacional dos Arquivos no Arquivo de Galicia

O Arquivo de Galicia, en Santiago de Compostela, únese a esta celebración coa organización das seguintes actividades:
9 de xuño
 
- 9:00 h a 14:00 h. Xornada de portas abertas e visitas guiadas ás instalacións do Arquivo de Galicia.
O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer o Arquivo de Galicia á cidadanía mediante un percorrido polas súas instalación e unha explicación dos documentos que nel se conservan co apoio dunha representativa mostra documental.
Inscrición previa.
Mais información no teléfono 881 999 665 ou no enderezo electrónico do arquivo: arquivogalicia.cultura@xunta.gal
 
- 13:00 h. Presentación pública do depósito do arquivo da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago de Compostela no Arquivo de Galicia.
O Arquivo de Galicia é o arquivo intermedio e histórico do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia ao que corresponde, entre outras funcións, recibir por transferencia os documentos dos diferentes órganos da Xunta de Galicia ou das entidades dependentes cun ámbito territorial superior a unha provincia. Pero tamén recibir por doazón, legado, depósito ou compra calquera fondo de carácter público ou privado e ámbito galego que, por formar parte do patrimonio documental de Galicia se acorde depositar nel para facilitar a súa conservación e difusión.
A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago foi creada por Real Cédula de Carlos III, do 23 de setembro de 1784 coa finalidade de aplicar as novas ideas e coñecementos científicos derivados da Ilustración.
A súa intensa actividade, especialmente a partir do ano 1833, na modernización e impulso da actividade agrícola e gandeira e no fomento da actividade industrial, así como na promoción da música, a arte e a cultura en xeral fai do seu arquivo unha valiosa fonte de información para a historia de Galicia nos séculos XIX e XX.
O seu depósito no Arquivo de Galicia suporá a garantía da súa conservación e posta a disposición de investigadores e cidadáns.
on motivo da presentación inaugurarase unha pequena exposición nunha das aulas situadas no edificio do Arquivo de Galicia.
No acto institucional de presentación participará a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Real Sociedad Económica de Amigos del País.