O Arquivo de Galicia e a Biblioteca de Galicia incorporan os fondos históricos doados pola familia Banet Dobrkovska

O Arquivo e a Biblioteca de Galicia, cabeceiras do Sistema de arquivos e bibliotecas, respectivamente, da Comunidade Autónoma de Galicia, acaban de incorporar ao seu patrimonio documental e bibliográfico os fondos históricos doados por Manuel Banet López de Rego e por Alena Dobrkovka Kubickova. Trátase de dous mapas do século XVII, do Reino de Galicia e de Bohemia, xunto cun singular exemplar da Biblia do século XVI escrito en castelán, ademais do incunable 'O libro das propiedades das cousas', datado do ano 1494. A entrega e recepción dos fondos tivo lugar o 11 de novembro de 2016, ás 12 horas, na Cidade da Cultura. O acto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, como representante da Consellería de Cultura, por un lado, e do doutor en medicina Manuel Banet e da súa esposa Alena Dobrkovska por outro, propietarios dos fondos documentais e bibliográficos doados á Xunta de Galicia.