INGRESOS DO ANO 2016 NO ARQUIVO DE GALICIA

 

Por volume de documentos recibidos destacan as transferencias realizadas pola áreas de Industria, Administración Local, ou pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Destacan polo seu interese para os cidadáns os Expedientes de concesión de dominio público hidráulico (1862-2016) e os Expedientes de concesión de aproveitamento hidroeléctrico (1997-2014).

Tamén os fondos documentais da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Outro grupo salientable de documentos o conforman as nove caixas con copias das fotografías realizadas por Manuel Chamoso Lamas no exercicio do seu cargo ao fronte da Comisaría de Zona do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional, datadas entre 1950 e 1981. Os orixinais das fotografías están depositados na Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na cidade da Coruña. E, nesta mesma liña, en relación co patrimonio monumental están os Expedientes de contratación de obras en bens de interese patrimonial ou de elementos do patrimonio cultural de Galicia, que veñen completar os planos das obras executadas, separados destes expedientes, que foran xa transferidos o ano pasado

Na área de Educación, a serie de expedientes persoais de alumnos do Instituto de Ensino Secundario Rosalía de Castro de Santiago (1914-1990) e a serie de expedientes de persoal de administración e servizos transferida pola dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (1982-2010)

E finalmente, polo que se refire ao ámbito público, salientamos o fondo da extinta Fundación Arao, creada para administrar as axudas para paliar o desastre medioambiental ocasionado polo Afundimento do petroleiro Prestige fronte á costa de Fisterra, en novembro de 2002.

En canto ás doazóns, destacamos dúas: a da poeta Luz Pozo Garza e a da deseñadora María Moreira que, xenerosamente e pensando no maior proveito para toda a cidadanía, cederon os seus arquivos persoais ao Arquivo de Galicia. Con este mesmo afán, a Real Sociedade de Amigos do País de Santiago de Compostela, depositou o seu arquivo composto por 184 caixas e un número importante de debuxos e bosquexos.

 

Gráficos