Coñecer, valorar, protexer. #Diadopatrimonio

Data de publicación: 16-11-2020

O abandono, destrución e espolio de moitos destes bens agudizou a toma de conciencia por parte dos poderes públicos sobre a necesidade de protexelos e preservalos, creándose para tal fin as comisións provinciais de monumentos históricos e artísticos no 1844. Reguladas e reorganizadas varias veces ao longo dos séculos XIX e XX, van depender da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e terán como principais obxectivos velar polos monumentos de interese ao tempo que tratan de inventariar e controlar a riqueza moble, os arquivos e as bibliotecas das institucións desaparecidas. Deste xeito as comisións provinciais dan paso ás comisarias de zona quedando Galicia tras a guerra civil na chamada “primeira zona” xunto coas provincias de Oviedo, León e Zamora e, coa reorganización de 1960, na oitava zona xunto con Zamora.

 

No ano 1970, tras a reorganización do Ministerio de Educación e Ciencia, créanse as comisións de patrimonio histórico artístico, desconcentradas xa da Dirección Xeral de Belas Artes e pasando a depender das delegacións provinciais do ministerio, coa finalidade de dar unha resposta áxil ás demandas de obras de reforma e nova construción na contorna dos conxuntos históricos e monumentos. En consecuencia, un ano despois constituíuse a Comisión de Patrimonio Artístico de Santiago que estendía inicialmente a súa xurisdición á parte galega do Camiño de Santiago, declarada conxunto histórico-artístico en 1962.

 

En 1982 coa transferencia de funcións e servizos do estado en materia de cultura, a Xunta de Galicia creará órganos provinciais semellantes ás denominadas comisións provinciais de Patrimonio Artístico, Arqueolóxico e Histórico. Así mesmo, dependendo da consellería con competencias en materia de cultura, créase a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural cunha dobre finalidade. Por un lado establecer as medidas protectoras para a conservación dos bens de xeito que todos os plans, programas e proxectos que poidan afectar ao patrimonio serán sometidos ao seu informe preceptivo e vinculante. Por outra banda, ten a función do recoñecemento, identificación e estudo dos nosos bens do patrimonio cultural a través do seu rexistro e descrición.

 

Dentro desta consellería, no Servizo de Arquitectura e Etnografía dependente da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, atópanse os Expedientes de contratación de obras, que conteñen un amplo conxunto de planos relativos a obras de reforma, reparación ou conservación de bens inmobles do noso patrimonio.