O debuxo dun nazareno nun documento do Arquivo do Reino de Galicia

[Ca. 1747]. [Debuxo de nazareno]. – ARG. Sig. RAG. RA. 369/44; Col. Cart. RA. 199
Data de publicación: 15-04-2014
No fondo documental da Real Audiencia de Galicia (1504/1834), como noutros de carácter xudicial, é relativamente frecuente atopar debuxos. Normalmente, son representación planimétricas, con ou sen escala, realizadas por peritos xudiciais por mandato do tribunal durante a execución ou como complemento da denominada “vista de ojos” ou comprobación sobre o terreo dos termos dunha disputa entre partes. Así adoitaba suceder, por exemplo, nos preitos sobre lindes de terras ou xurisdicións, servidumes de paso ou de regadío, obra nova, danos, etcétera. Pero, neste caso, o debuxo non parece ter ningunha relación coa materia do preito onde se achou, solto, entre as follas 2 e 3.
O documento en cuestión intitúlase como segue:
1742-1752. Preito do deán e cabido da Catedral de Lugo co licenciado Jacinto Roca e consortes sobre reivindicación pola cortiña de Pepín e prado pegado a ela en San Lourenzo de Albeiros. ARG. RAG. Escribanía de Fariña Sign. RAG. 369/44. ARG. Col. Cart. RA. 199
A política de conservación do Arquivo do Reino de Galicia inclúe a limpeza sistemática dos documentos que forman parte do fondo documental mencionado, afectado desde antigo por infestacións de insectos bibliófagos. Este traballo continuado depara con frecuencia o achado de documentos gráficos como os sinalados, ou outros textuais de certo interese, como impresos das primeiras etapas da imprenta en Galicia ou diplomas en pergamiño de época medieval ou xa dos inicios da Idade Moderna achegados como probas nos procesos.
Debuxo de nazareno nun preito do Arquivo do Reino de Galicia.