Un accidente medioambiental esquecido: o afundimento do buque “Cason”

1987, decembro, 30. A Coruña. Minuta do oficio que o gobernador civil remite ao xuíz de Corcubión para poñer á súa disposición a documentación sobre o buque Casón. Sign.27090/I/6/1.
Data de publicación: 03-07-2014
Na madrugada do día 5 de decembro de 1987, o barco de bandeira panameña “Cason” sufre un incendio a bordo cando se achaba a 42º 54´ N, 9º, 35´O, a unhas 13 millas da costa galega. Abandonado pola tripulación, ás 19,15 h. embarranca ao norte do faro Fisterra, entre a Punta Castelo e a Punta do Rostro, cando era remolcado a porto. No accidente pereceron 23 dos 31 tripulantes (todos de nacionalidade chinesa -2 de Hong Kong-).
 
O buque, construído no ano 1969, do que era consignatario Henri Guyat Cia. Ltd., transportaba, segundo un informe do Goberno Civil da Coruña, unhas 12.500 toneladas de mercancías, tomadas nos portos de Hamburgo, Rotterdam e Amberes, con destino a Shanghai. Entre o cargamento, había unhas 1.000 tonedadas de mercancías perigosas, incluíndo 14,5 toneladas de sodio metálico, en 11 contedores, sete deles colocados sobre a cuberta.
 
A acción do temporal sobre os contedores estibados na cuberta danounos e provocou, en palabras do informe citado, unha “aparatosa reacción química con producción de llamas, sonido y vapor que se produjo al entrar en contacto el agua de la mar con el sodio”.
 
O accidente tivo unha ampla repercusión mediática, provocou unha grande alarma social e incluso a evacuación da poboación das localidades próximas (15.000 persoas). A tensión xerada reflectiuse tamén en diversos incidentes que xurdiron no traxecto do convoi organizado para trasladar parte das mercancías, primeiro ao campamento militar de Parga (Guitiriz, Lugo) e logo á pranta da empresa Alúmina-Aluminio en San Ciprián (Lugo).
 
No fondo documental do Goberno Civil da provincia da Coruña, custodiado no Arquivo do Reino de Galicia, consérvanse algúns expedientes xerados nesa dependencia da Administración en relación co accidente. Son de consulta pública, coas posibles reservas que a lexislación en materia de acceso á información contida nos documentos dos arquivos impón.
 
As descricións deses expedientes están dispoñibles, baixo o termo de busca “Cason”, na base de datos que é accesible nesta mesma páxina
Algúns documentos do expediente de información, coordinación e dirección aberto no Goberno Civil da Coruña sobre o buque Cason.