A Fábrica de Tabacos da Palloza na Coruña

[Ca. 1915-1925]. A Coruña: barco de vela no porto, ao fondo fábrica de Tabacos. ARG. Col. Fot. 261.
Data de publicación: 22-10-2014
 
O Arquivo do Reino de Galicia custodia o fondo documental da antiga Fábrica de Tabacos da Coruña, establecida a primeiros do século XIX., que ingresou no ano 2002 por transferencia.
 
O conxunto comprende 4.620 unidades de instalación con datas extremas entre 1854 e 2001, se ben a maior parte dos documentos teñen data posterior á década de 1940, pois os anteriores foron eliminados en gran cantidade no ano 1955 ou deberon de sufrir os efectos dos incendios ocorridos na fábrica en 1896 e 1920.
 
A principal fonte para obter información xeral sobre todos os aspectos da factoría é a que obtemos de series como a de correspondencia e a de circulares, con continuidade desde principios do século XX, que forman parte da sección de dirección.
Pero no Arquivo se custodian outros conxuntos documentais que conteñen documentos estreitamente relacionados coa Fábrica de Tabacos ou, en xeral, coa administración da renda real de tabacos desde o século XVIII. Así a Colección Fotográfica á que pertence esta fotografía, datada entre os anos 1915 e 1925. E tamén outros, como a Real Intendencia de Galicia, a Real Audiencia de Galicia, ou o Goberno Civil da provincia da Coruña.
Documentos sobre a Fábrica de Tabacos da Palloza