Un impreso inédito dos inicios da imprenta en Galicia.

[Fragmento impreso de misal. S.XVI?]. 1 fol [XCVIII (V)]. Sign. ARG. B.Aux.FCeI. 39.
Data de publicación: 07-11-2014
É un único folio (o que leva o número XCVIII do libro do que se arrincou) reutilizado como cuberta dun caderno ou libro “de condenaciones de penas de cámara del año de 1589” presentado como proba nun expediente xudicial. O seu contido relaciónase coa celebración da liturxia do día de Pentecostés. O seu achado semella transcendente porque bota luz sobre os comezos da imprenta en Galicia.
 
A data (1590) e a procedencia xeográfica do expediente xudicial onde figura, o Val de Lourenzá, no norte da provincia de Lugo, podería indicar que tal vez este fragmento corresponda a un dos varios libros litúrxicos impresos na próxima cidade de Mondoñedo durante o século XVI.
 
Así, e segundo Antonio Odriozola, a substitución que o Concilio de Trento impuxo entre 1568 e 1570 dos libros litúrxicos de cada diocese polo Breviarium Romanum e polo Misale Romanum obrigou á impresión ou á compra de novos impresos. Na de Mondoñedo, as Constitucións Sinodais de 1586 ordenaron que non se usasen os misais nin os manuais vellos e que “...los quiten todos los visitadores...y podrá aprovechar en lo que fuere necesario, tablas, pergamino y papel viejo”.
 
Este autor menciona, ademais de breviarios e ordinarios, un “Misal Mindoniense”, impreso en 1552 ou 1553, por Agustín de Paz naquela cidade, ademais doutro de procedencia foránea, realizado en Pamplona en 1457 por A.G. de Brocar.
 
A descrición do expediente onde apareceu é a seguinte: 1590, xuño, 27- agosto, 1. A Coruña. Real Audiencia de Galicia. Expediente tramitado a petición de Diego López de Santomé, xuíz da xurisdición do Val de Lourenzá, para que se lle outorgase a posesión do oficio e se obrigase ao receptor de penas de cámara e gastos de xustiza, Juan Alonso, a dar a conta e razón do recadado o ano anterior.   Sign. RAG. 3138/42

 

A correspondente ao impreso é:

 

[Fragmento impreso de misal. S. XVI?].

1 fol. [XCVIII): 2 column. a 2 cores (negro e vermello): 37 liñas. Tipo: dous tamaños, o maior deles mide 124G ; 207 x 304 mm. (cortado); Caixa de escritura: 175 x 237 mm.

 
Imaxes do fragmento do impreso e do expediente onde se atopou.