ANIVERSARIO

Arquivo do Reino de Galicia: [Vista do Arquivo no Palacio de Capitanía Xeneral]. [1º terzo S. XX].1 fot. : posit., br. e negr. ; 23,1 x 17 cm. Sign. 1.246.
Data de publicación: 21-10-2015 Data de fin: 31-12-2015

O 22 de outubro de 1775 expedía o rei Carlos III unha Real cédula pola que daba comisión ao rexente da Audiencia de Galicia, don Joseph de Zuazo Bustamante, para a creación do “Archivo Público y General del Reyno de Galicia”.

Celebramos este aniversario coa publicacións dalgúns documentos relacionados coa creación do Arquivo e a súa instalación primeira:

- A Real cédula de 16 de febreiro de 1777 que ratifica a disposición de 1775 sobre a creación do Arquivo (a primeira folla).
- Un gravado que amosa o edificio que foi primeira sede do Arquivo, o palacio da Capitanía Xeneral e Real Audiencia de Galicia.
- Dúas imaxes da instalación do Arquivo nese mesmo edificio, no magoante estado en que se achaba no primeiro terzo do século XX.

No folio 3 da cédula hai un parágrafo que di: " “Que la formación de archivos donde convenga, en que tanto interésa el público, es propio de mi soberanía, sin que ningunas personas puedan reclamarlo por sus intereses particulares (...). Que ni la lastimosa disposición en que se hallan los procesos (...) y el nombramiento de archivero, oficial con el título de mayor y demás dependientes del Archivo no permiten demora en su debida observancia en que interesa el Estado, la Administración de Justicia, y el peculiar derecho de los vasallos...”

O Arquivo, para o que se construíra un edificio en Betanzos, instalouse finalmente no palacio que era sede da Real Audiencia e a Capitanía Xeneral, na Coruña, na actual praza de Azcárraga. Ocupou alí 7 pezas nos sotos do edificio (véxanse ímaxes), prevéndose a utilización futura da denominada Sala das Discordias e tres pezas anexas.

O centro comezou sendo atendido por un arquiveiro (Vicente Álvarez de Neira, avogado da Real Audiencia de Galicia), un oficial maior, dous escribintes e un porteiro. Cobraban de salario, respectivamente, 10.000, 8.800, 3.300 e 2.200 reás. Na traslación e colocación dos papeis desde os diferentes lugares onde se achaban dispersos, gastáronse 25.190 reás e 30 maravedís e os gastos das obras para acondicionar as 7 pezas importaron outros 28.000 reás.

Algúns documentos relacionados coa creación do Arquivo e a súa primeira instalación.