LIBROS E DOCUMENTOS

Fragmento do Misal compostelán de 1495. Folla de papel recortada e empregada como gardacuberta do libro Festa propia diocesis... Sign.: FCeI 42
Data de publicación: 22-04-2016 Data de fin: 30-06-2016
O fondo documental da Real Audiencia de Galicia ofrece, máis unha vez, numerosos exemplos deste vencello. Así ocorre no preito que enfrontou no ano 1675 ao cabido da Catedral de Santiago co seu arcebispo polo dereito a imprimir as cartillas para o rezo comunitario. Ademais de ofrecer moita e interesante información sobre a situación e traballo dos diferentes impresores de Santiago naquela altura, este expediente xudicial ofreceu algúns achados de enorme interese. Por exemplo, un pequeno libro sobre as festas da diocese impreso no ano 1596, ou dúas cartillas para o rezo impresas en Valladolid nos anos 1672 e 1673. Pero o máis interesante foi que no interior da da parte traseira da cuberta, feita de pergamiño, do pequeno libriño sobre as festas, aparecese o fragmento dun incunable. E non calquera incunable! Antonio Odriozola identificou este fragmento hai moitos anos como un dos folios do desaparecido Misal compostelán, realizado probablemente en Monterrei, por Juan de Porras, no obradoiro de Juan Rodríguez de la Pasera. O mesmo lugar onde un ano antes se imprimira o Misal auriense, o primeiro libro impreso en Galicia. O preito ten a signatura 353/33 do fondo da Real Audiencia de Galicia. O libro de festas, o 8.641 da biblioteca auxiliar do arquivo. O fragmento do incunable localízase co número 42 dos fragmentos de códices e impresos.
O libro, o fragmento de incunable e o preito onde se atoparon