DEBUXOS E PRIVILEXIOS

ARG. Real Audiencia de Galicia. Bulla Pii Papae IIII... e debuxos de dúas figuras humanas. Sign. 603/14.
Data de publicación: 09-09-2016 Data de fin: 30-11-2016

Proceden do preito que interpuxo no ano 1599 Álvaro Sánchez da Somoza, "donado de la cruz" da orde, contra a xustiza da xurisdición (o concello) de San Clodio do Ribeiro por incluílo nos repartimentos que se facían entre os veciños para pagar os tributos que se debían ao rei (alcabalas). Parece que tampouco quería pagar os dezmos eclesiásticos porque o cura da parroquia pleitea tamén contra el por este motivo. No texto do documento, en latín, subliñáronse os parágrafos que aludían a esas excepcións do pago de impostos. Quizais o notario ou algún dos seus empregados, farto de tanto latín, se entretivese debuxando as figuras que aparecen na contracuberta de pergamiño do documento. O preito ten a signatura 603/14 do fondo da Real Audiencia de Galicia. Os debuxos rexistráronse co número 2.777 da Colección cartográfica e iconográfica. A descrición do impreso xa está accesible na base de datos bibliográfica do arquivo.

Imaxes do impreso e do preito onde se acha