Sobrado

Arquivo do Reino de Galicia. Colección fotográfica. [Sobrado: mosteiro de Santa María. Torres]. [Ca. 1910-1920]. 1 posit. fot. : vidro, cor ; 24 x 18 cm. Sign. 5.619
Data de publicación: 22-03-2018 Data de fin: 22-03-2018

 

Habitado por monxes, novicios e criados que se movían arredor, era o vértice dunha potente organización económico-relixiosa. Os monxes da comunidade saían con frecuencia do mosteiro por diversos asuntos: para asistir a capítulos con outros mosteiros, para compras, para controlar os prioratos e granxas, para estudar, para comprar, para poñer preitos...

O libro de caixa detalla os seus ingresos e gastos e o minucioso sistema de administración e control que tiña (con auditorías externas periódicas por parte do Capítulo Xeral da Congregacion de mosteiros cistercienses).

Entre os gastos, atopamos partidas expresivas do elevado nivel de vida da comunidade, en contraste coa realidade campesiña que os rodeaba. Por exemplo, en alimentación. Produtos como azafrán, azúcar, améndoas, alcaparras, “anises”, “baca fresca”, canela, capóns, perdices ou chocolate estaban ausentes habitualmente das mesas labregas.

Pero o mosteiro destinaba tamén unha parte dos seus ingresos a educación. Pagáballe, por exemplo, os estudos en Alcalá ou Salamanca a dous dos seus frades:

“Alcalá. Diose a este colegio veinte y cinco ducados para la entrada de curso del padre fray Isidoro.”

“Salamanca: Diéronse a Salamanca veinte y cinco ducados por la entrada de curso del padre lector Berjón”.

Mantíña o mosteiro, xunto con outros mosteiros cistercienses, un procurador na Coruña para a tramitación dos preitos que se seguían na Real Audiencia de Galicia:

“Diose al padre procurador de la Coruña del situado que le paga esta casa mil quatrocientos y veinte y seis reales y diez y seis maravedís.”

Ademais, no libro anotábase o gasto de obsequios realizados a xuíces, entre eles ao gobernador e oidores da Real Audiencia:

“Cabritos: Compráronse veinte y quatro cabritos para cumplimiento de los señores governadores y más familia que vino con sus excelencias, a tres reales cada uno montan setenta y dos reales.”

“Chocolate: Compró Su Paternidad una arroba de chocolate para cumplimientos y para el corregidor quando estuvo en Loureda, doscientos y veinte y cinco reales”

“Vino tinto. Gasto: 
- Gasto ordinario: 189 mollos
- Cirujanos: 2 mollos, 2 cuartillos
- Mulas: 2 mollos (...)
- Segadores: 1 mollo (...)
- Fiestas: 4 mollos (...)
- Fidalgos: 11 mollos
- Governadores y oidores: 4 mollos”

Este libro de caixa ten a signatura 45.255 e comprende as contas do mosteiro entre 1693 e 1757.

A publicación desta noticia forma parte do proxecto de difusión do Ano Europeo do Patrimonio que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao abeiro do mandato do Parlamento de Galicia.