Patrimonio

Arquivo do Reino de Galicia. Colección cartográfica e iconográfica. Mapa Arqueológico de Galicia / por Ramón Barros Silvelo. Sign. MB 88.
Data de publicación: 11-05-2018 Data de fin: 31-07-2018

Algo máis? Si. Ambos os dous están “conectados” por unha liña eléctrica de alta tensión (2.2000 V) que comunica o salto hidroeléctrico de Belesar (Chantada-O Saviñado, Lugo) coa subestación de transformación do polígono industrial da Grela, na Coruña.

E máis: a construción do salto de Belesar provocou o asolagamento da antiga vila de Portomarín e a construción dunha nova noutro lugar, e o traslado da Colexiata, pedra a pedra, ata o seu novo emprazamento. A construción da liña eléctrica procedente de Belesar ocasionou a instalación dunha torre de alta tensión no Castro de Elviña xusto cando viña de declararse “Monumento Histórico Artístico” pola Dirección General de Bellas Artes do “Ministerio de Educación Nacional”.

En setembro de 1962, o delegado provincial da Coruña da Comisaría General de Excavaciones, José María Luengo, dirixiuse ao Goberno Civil da provincia da Coruña para denunciar a instalación da columna, así como outras dúas colocadas anteriormente, sen a preceptiva autorización de Belas Artes. O Gobernador Civil trasladou o escrito á empresa propietaria da liña, FENOSA, e á Dirección General de Bellas Artes.

A empresa alegou que a liña:

- Fora autorizada pola Dirección General de Industria en 1958 e declarada “de interese nacional” por Decreto do 23 de noviembre de 1961.

- Que todos os postes estaban situados en terreos de propiedade privada con expresa autorización dos propietarios ou expropiados legalmente.

- Que a declaración de monumento histórico-artístico era posterior á autorización e declaración de Industria.

- Que a liña eléctrica non constituía risco ningún nin afectaba “a contemplación del campo histórico-artístico”.

Enfrontadas así dúas legalidades, a resistencia do delegado provincial, co apoio da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos da Provincia e do propio Goberno Civil, conseguiu que a Dirección General de Bellas Artes ordenase a suspensión dos traballos de instalación da liña e o desarmado das columnas o 13 de outubro de 1962.

Naturalmente, a empresa responsable recorreu esta decisión en diversas instancias ata chegar ao Tribunal Supremo. Este sentenciou a favor da Administración o 2 de novembro de 1965 e obrigou a empresa a desmontar as columnas.

Pero parece que a execución desta sentenza se demorou ata... 2015! Segundo consta no expediente do Goberno Civil, en febreiro de 1966, a empresa comunica que “hemos cursado instrucciones a nuestros servicos técnicos para que proceden a a preparar el proyecto que ha de elevarse al Ministerio de Industria para la concesión de la variante del tramo de la línea... Belesar-La Coruña..., así como los escritos para la obtención del beneficio de expropiación de urgencia”.

Ofrecemos algúns documentos deste expediente, que complementamos cunha fotografía aérea catastral da zona correspondente aos anos da década de 1950, un oficio da Xunta Superior de Subsidios Armamento e Defensa do Reino de Galicia de 1811 sobre a reparación da ponte e da Colexiata de Portomarín e do Mapa Arqueológico de Galicia publicado por Ramón Barros Silvelo en 1875.

Esta información forma parte das actividades que realiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para celebrar o Ano Europeo do Patrimonio, de acordo co mandato do Parlamento de Galicia.