Libro

Fragmento de códice litúrxico impreso en pergamiño nun preito da Real Audiencia de Galicia. [S.XVI?]. Sign.: 1.537-1.
Data de publicación: 30-04-2019 Data de fin: 30-04-2019

 

Normalmente, como sucede nesta ocasión, as follas de pergamiño de antigos códices, desbotadas, entre outras razóns, polos cambios litúrxicos que estableceu o Concilio de Trento, re-utilizáronse para encadernar documentos. Eses documentos podían logo presentarse como proba nos litixios que se ventilaban na Audiencia e así hoxe os atopamos no medio deses preitos.

O fragmento que agora comentamos son os folios CXIX e CXXII dun libro litúrxico, un misal, impreso en pergamiño, probablemente no século XVI, aínda que sobre isto se deberías pronunciar un especialista con máis coñecemento.

Matinamos en que sexa do século XVI pola presenza de “reclamos” (a reprodución dunha parte da primeira palabra dunha nova páxina ao final da anterior), moi rara entre os incunables (impresos antes do ano 1500), e os fermosos gravados xilográficos que inclúe, que nos parecen se corresponden máis ben a ese século que ao precedente.

O documento ao que serve de cuberta é un traslado notarial realizado en Pontevedra en 1611 dun preito executivo que enfrontou a Pedro García de Lanzós con Domingo Mariño de Lobeira e Rodrigo da Seara e consortes sobre uns bens en Vilaboa.

Este documento inclúese nun voluminoso preito entre o Convento de San Domingos de Santiago con don Domingo Mariño de Lobeira e consortes sobre execución polos réditos dun censo (contrato de préstamo con interese) que se litigou entre 1612 e 1626.

O fragmento do libro impreso constitúe, como dixemos, a cuberta dun caderniño que ocupa os folios 73 a 160 do expediente.

O preito ten a signatura 1.537/1 do fondo da Real Audiencia de Galicia.