Esmorga

Causa formada por José Garriga, alcalde do Crime e de Provincia da Real Audiencia de Galicia, contra os agresores que causaron a morte de Santiago de Leiro, mariñeiro. 1809-1810. Sign.: 48.722/1
Data de publicación: 04-07-2019 Data de fin: 31-10-2019

O 27 de febreiro de 1809, en plena ocupación francesa da cidade da Coruña, o alcalde de Cuartel do barrio de Santa Lucía informou ao alcalde maior do Crime e de Provincia da Real Audiencia da aparición na rúa daquel nome de “un cadáber muerto, al parecer español”, segundo lle dera parte unha veciña chamada Manuela “La Teselana”. A causa xudicial que se abriu a continuación na Real Audiencia permitiu deducir que se tratou dun homicidio froito dunha liorta entre xente que estaba de troula, a pesar de que non se conseguiría deter os culpables. Pero ademais ofrece, xunto os detalles morbosos habituais, información de interese sobre o funcionamento das institucións da cidade baixo a ocupación estranxeira e sobre as relacións coas súas autoridades. Por outra banda, o proceso achega tamén saborosos detalles da vida cotiá e sobre as formas de diversión que tiñan os mariñeiros protagonistas do relato. En todo caso, o documento abre, coma sempre, as portas á imaxinación.

Iniciadas as dilixencias oportunas, acudiu unha comitiva xudicial para recoñecer o cadáver: “... se alló en la misma calle al frente del número quarenta y nuebe de la cera del naciente y a distancia de cosa de una bara esforzada de la casa... que abita Juan del Villar y su muger, Manuela García, un ombre tendido con la boca y todo su cuerpo arriba, las piernas abiertas y brazos asimismo tendidos un poco separados de dicho cuerpo, con toda la ropa... ensangrentada, y con especialidad la cabeza, en donde, y su frente, se le percibe una rotura bastante crecida. Se le pusló por uno de dichos zirujanos y resulto que efectibamente el tal ombre se alla muerto...” Ao carón do cadáver, a xente do barrio foi depositando cartos para o seu enterro, segundo se deduce do testemuño do escribán: “... en la expresada chaqueta y bolsillo del lado izquierdo se le allaron diez quartoa moneda de vellón, una nabaja regular con cabo de asta; un poco de tabaco de oja y papel para zigarros. Asimismo se alló ynmediato al expresado cadaber una cuchara ordinaria de palo, al parezer de abidú, y sesenta y siete reales con catorze maravedís en plata y vellón en un plato, limosna que en este día dieron los fieles concurrentes a aquella situación...” Eses cartos empregáronse despois, efectivamente, nos gastos de sepultura (na igrexa de San Xurxo) e enterro. 

Vexa como continúa a historia na seguinte ligazón do noso sitio web: http://arquivosdegalicia.xunta.gal/…/d…/esmorga_19_07_02.pdf