Mestra

Arquivo do Reino de Galicia. Delegación Provincial de Educación. Expediente da mestra María García Juncosa. 1873-1943. Sign.: 115394-7
Data de publicación: 26-10-2020 Data de fin: 26-10-2020

 Mestra

 

Se a vida dos mestres nas escolas rurais foi moi dura ata moi avanzado o século XX, polas deficientes infraestruturas coas que contaban (incluídas as súas vivendas) e os miserentos soldos que cobraban, a das mestras érao aínda un grao máis. Moitas delas tiveron que loitar coa incomprensión e co machismo dun entorno social non especialmente sensible co seu traballo e coas dificultades ás que se tiñan que enfrontar. O acoso e os “escraches” a mulleres que en ocasións vivían soas non debían ser infrecuentes.

Atopamos un exemplo nun expediente informativo do Goberno Civil da Coruña de xuño de 1936. Non sabemos quen levaba a razón, pero non parece que as formas empregadas utilizadas contra a mestra fosen as máis apropiadas. María García Juncosa, mestra da Escola Nacional de Présaras (Vilasantar, A Coruña) denunciou que:

 “en la madrugada del día 25 [de xuño] varios vecinos de ésta primeramente con una cencerrada molestaron a la que suscribe, y después intentaron romper la puerta de entrada a la casa-escuela, para entrar a agradir a la que suscribe y una hija suya que vive en su compañía...”

Xa anteriormente, o gobernador civil dirixírase ao alcalde de Vilasantar para dicirlle que:

“Tiene conocimiento este Gobierno de que a la Maestra de Vilasantar se la hace objeto de molestias, vejaciones e intranquilidades ante la Casa-Escuela, con insultos y frases soeces, y cencerradas y escándalos entre 9 y 10 de la noche; y es preciso que esa Alcaldía procure evitar tales hechos y abusos...”

Mais o alcalde respondeu enviándolles varias instancias de queixa de veciños contra a mestra dirixidas ao director xeral de Primeiro Ensino,  que “así bien hicieron constar la propuesta más enérgica contra la actuación y forma de proceder de la Maestra Nacional...” e que a el lle constaba “de ciencia cierta que los hechos que en tales escritos se mencionan son verdad, y los ejecuta con las niñas y demás vecinos, pudiendo si no se evita la manera de complacer a estos vecinos (?) causar una alteración de orden público, por estar excitados los ánimos.”

Non constan no expediente as instancias dos veciños. A petición do alcalde, a Garda Civil tomou declaración e denunciou a varios veciños solteiros do concello, que negaron os feitos.

No expediente da mestra que se atopa no fondo da Delegación Provincial de Educación, consta que foi depurada, xunto con outros moitos mestres, en 1936, reposta no seu cargo en maio de 1937 e trasladada daquela, coa súa oposición, para a escola de Grixoa, concello de Enfesta (absorbido polo de Santiago de Compostela en 1962). Anos despois, en 1941, foi novamente denunciada “... [por] faltas de orden profesional... y manifestaciones como ésta: que lo mismo ella que toda su familia no comulgaron nunca con la religión católica.”

Xubilada ao cumprir os 70 anos en 1943, clasificouse co haber pasivo do 40% do derradeiro soldo percibido (5.000 pesetas). Consta no seu expediente que desde  1911 prestou servizo nas escolas de Laxe, Sumio (Carral), Cores (Ponteceso), provincia da Coruña; Valdescapa (Villarazo), provincia de León; Celeiro (Viveiro), en Lugo; Padroso (crecente), en Pontevedra, e, finalmente,  as mencionadas de Vilasantar e Enfesta.

 

O expediente do Goberno Civil ten a signatura 32392-58-1. O expediente persoal que figura no fondo da Delegación Provincial de Educación, 115394-7.