Publicación

Arquivo do Reino de Galicia. Familia Ozores. Alexandre VII concede unha canonxía na Catedral de Lugo co arcedianato de Triacastela a Pedro de Losada Sarmiento, por renuncia de Benito Ozores de Sotomayor. 1655-04-21. Roma. Sign. 1416
Data de publicación: 30-10-2020 Data de fin: 30-10-2020

 Este documento é unha bula, un documento papal do ano 1655 a favor de Pedro Losada Sarmiento.

As bulas eran documentos fermosos e solemnes, como pode apreciarse pola decoración que inclúe na parte superior, a letra, moi coidada, e o tamaño, que neste caso é de 43 cm de alto por 62 de ancho (máis de medio metro!). Levaban tamén un característico selo de chumbo, que falta de forma sistemática en case todas as que se conservan no arquivo.

As bulas empregábanse para moitos usos, entre eles comunicar nomeamentos de cargos eclesiásticos. Neste caso, o papa Alexandre VII concede a Pedro Losada Sarmiento unha canonxía na catedral de Lugo xunto coa dignidade de arcediano de Triacastela.

A solemnidade destes documentos contrastaba coa súa intelixibilidade. Escritas en latín, a súa letra, plagada de abreviaturas, foise facendo cada vez máis difícil ata chegar a extremos case imposibles, xa no século XIX.

Pero quizais non fose tan importante que fosen lexibles. Eran documentos de prestixio que falaban en por si sen necesidade de entendelos polo miúdo. Para isto existían outros medios. Medios que contribuían a outorgarlles ese carácter solemne e simbólico. Por exemplo, a publicación.

Esta bula foi publicada na catedral de Lugo o día 10 de agosto de 1656, un día festivo, durante a misa maior. É dicir, un momento no que “todo Lugo” (todo o que importaba que o soubese) estaba na igrexa. E un notario deu testemuño ao verso (dorso) da bula do acto solemne:

“… yo, Antonio Ramos, notario apostólico…, de requerimiento de la parte de don Pedro de Losada y Sarmiento, estando diciendo la misa mayor por don Pedro Pallares, Maestreescuela…, y al ofertorio de ella, habiendo subido al púlpito de la epístola y en presencia del concurso de gente que estaba en dicha iglesia por ser día festivo, en alta voz hice publicación de la bula… declarando en como su Santidad… hacía gracia a dicho don Pedro de Losada de la dignidad y arcedianato de Triacastela y el canonicato que posee el licenciado don Benito Ozores, inclusas dichas prebendas en dicha catedral, por renuncia del sosodicho…”