Mulleres e patrimonio documental

Arquivo do Reino de Galicia. Cartaz da exposición virtual Mulleres e Patrimonio. Día Internacional do Patrimonio 2020
Data de publicación: 09-11-2020 Data de fin: 28-02-2021

 #Díadopatrimonio 

O Arquivo do Reino de Galicia únese á iniciativa do Consello da Cultura de Galicia para visibilizar o traballo das institucións da memoria con motivo do Día do Patrimonio Mundial 2020 (16 de novembro).

 

Concepción Miranda, marquesa viúva da Torre, foi desposuída no ano 1808, por orde directa do presidente do Consello de Castela á Audiencia de Galicia, da tutela dos seus fillos e da administración dos seus bens e rendas, baixo a acusación de que polas súas “manías e caprichos carece de la disposición necesaria para el manejo y administración de sus rentas y vínculos, igualmente que para dar educación a sus dos hijos”.

Sen coñecermos a razón profunda que motivou esta dura decisión, a lectura do voluminoso expediente xudicial a que deu lugar achéganos á loita desigual da condesa por conservar os seus fillos e os seus bens nun mundo dominado polos homes.

Esta loita reflectida en papeis sérvenos como aproximación á realidade do patrimonio documental. Un patrimonio que non só é historia senón que nos serve para construíla e relatala. A cuestión é: como facelo criticamente?

Aproximarémonos á resposta coa pescuda doutros documentos que contextualicen o mundo e a época que viviu a condesa, sen saírmos, na medida do posible, do mundo pechado pero ao mesmo tempo aberto e universal que é un arquivo.

Así, durante a semana do 9 ao 15 de novembro, o arquivo difundirá no seu sitio web e na rede social na que participa, documentos relacionados con este proceso xudicial ou co contexto histórico no que se desenvolveu. O 16 de novembro, día Internacional do Patrimonio, culminaremos este percorrido coa publicación dunha exposición virtual.