Fórmulas

Arquivo do Reino de Galicia. Familia Ozores. Fernando Martínez, arcediano de Sarria na Catedral de Lugo, outorga testamento no nome de Paio Fernández, cóengo da mesma igrexa. 1298, marzo, 27. Lugo. Sign.: 902
Data de publicación: 25-11-2020 Data de fin: 31-01-2021

 Os documentos xurídicos (notariais, xudiciais, administrativos) , que son os que máis abundan nos arquivos, están cheos de fórmulas. É dicir, de palabras e oracións establecidas desde moi antigo no dereito para acreditar a orixe legal dos actos que se transcriben e outorgarlles validez e eficacia.

Moitas veces, a súa solemnidade impresiónanos, como se tivesen unha calidade máxica, por máis que sexamos conscientes de que eses documentos falan de negocios moi prosaicos. Esas fórmulas e eses procedementos seguen presentes, aínda que evolucionasen moito, nos documentos actuais.

No ano 1480, Constanza González, viúva de Pedro Fernández de Ombreiro, pediu ao xuíz de Lugo a ratificación notarial dun testamento que tiña do ano 1298 escrito en latín, pois "ela se temía que o dito instrumento de testamento original se perdese por fogo ou por agoa ou por roubo, toma ou força ou por outro algún caso fortuyto que podía avenir ..."

Como era habitual, a nova escritura que se outorgou para copiar a antiga transcribiu aquela e relatou de forma pormenorizada como foi o proceso.

Primeiro sitúa a acción do novo documento:

“Enna çiudade de Lugo, dentro ennas casas de morada del honrrado Gomes Garçia de Goioso, arçediano de Deçoo enna iglesia de Lugo, oyto días do mes de febrero do anno do naçemento de noso Sennor Ihesu Christo de mil e quatroçentos e oytenta annos, por ante Gomes Garçia, juys enna dita iglesia de Lugo, çibdade e seus coutos, en presença de min, notario e testemuñas de juso scriptos...”

Logo dá conta da presentación do antigo documento:

“paresçeu ende de presente Costança Gonzales, muller que foy de Pero Fernandes de Onbreiro, defunto, que Deus aja, et presentou e por min dito notario fiso ler ante o dito juys hun instrumento de testamento escripto en pergameno de letra latina, signado de escrivano público según por el paresçia...”

A continuación, transcríbeo:

do qual seu tenor se sigue e he tal: In dey nomine amen, era millesima CCC XXXVI et quotum, VI kalendis de abril. Noverint universi quod ego Fernandus Martini, archidianus de Sarrea…”

E concreta a petición da interesada e testemuña a autorización xudicial para a súa copia ou traslado:

“… o qual así presentado e leydo conmo ditoo he, a ditaa Constança Gomes diso ao dito juys conmo ela se temía que o dito instrumento de testamento original se perdese por fogo ou por agoa ou por roubo, toma ou força ou por outro algún caso fortuyto que podía avenir. Por ende que lle pedía e pedeu que de seu oficio ordinario mandase a min dito notario que sacase ou fesese sacar del hun traslado ou dous ou mays, quantos lle fosen necesario e os signase do meu signo e que ao tal traslado ou traslados así por min sacados e conçertados con o propio original dese e e enterposese seu decreto e autoridade para que valuese e fesese fe en juyso e fóra del, ben conmo faría o dito propio original. Et logo o dito juys veu e tomou o dito instrumento de testamento en súa maao e miroo e catoo et diso que por quanto ho non via raso nen chançelado nen en alguna sua parte sospeytoso según por el paresçía omite de todo viçio e sospeyçón caresçente, por ende que mandava e mandou a min o dito notario que sacase ou fesese sacar do dito instrumento un traslado ou dous ou mays, quantos a dita Costança Gomes quiser...”

E finaliza coa declaración e sinatura do notario, que nomea as testemuñas que estiveron e acredita tamén a súa propia presenza.

 

Este documento procede do fondo documental da familia Ozores e ten a signatura 902 da Colección de documentos en pergamiño.