Artistas

Arquivo do Reino de Galicia. Goberno Civil da provincia da Coruña. Billete de caridade para viaxar por ferrocarril. 1936. Sign.: 32612_1_56_12_2
Data de publicación: 23-11-2020 Data de fin: 31-03-2021

  Os “billetes de caridade” eran títulos de viaxe que expedían as compañías ferroviarias a persoas sen recurso, como obreiros en paro, para poderen viaxar. Vixentes durante a República e primeiro franquismo, polo menos, parece que as súas raíces se remontan á época da Restauración. Autorizábanos os concellos e os gobernos civís a través da Xunta Provincial de Beneficencia. A mediados da década de 1930 supoñían a redución dunha porcentaxe elevada do prezo, que podía ser a metade ou incluso á cuarta parte.

En 1936, artistas de circo, de variedades e cómicos varios que estaban de xira víronse sorprendidos pola guerra e sen recursos para regresar aos seus lugares de orixe. Algúns recorreron o Goberno Civil da provincia para solicitar os billetes que lles permitisen regresar ou trasladarse a outras cidades con maiores posibilidades de traballo.

Este foi o caso, por exemplo, de Eustaquio Carmarza, Ángela Pérez, Enrique Pérez e Antonia Carballo, artistas de circo “sorprendidos por el Glorioso Movimiento en Santander, los que con otras personas fueron embarcados en el barco “Génova” para ser trasladados a Valencia y a a la altura de Ferrol fueron apresados por el crucero Almirante Cervera sobre el mes de septiembre pasado;

“los que una vez comprobado que eran artistas fueron en Ferrol inmediatamente puestos en libertad han ido trabajado en distintas localidades y a beneficio del Ejército;

“que como quiera que este sistema de trabajo no les daba más que para comer en la actualidad no hallan trabajo de ninguna manera…”

e desexaban trasladarse a Sevilla. Concedéuselles un billete á cuarta parte do prezo para os catro e os seus elementos de traballo, cun peso total de 190 Kgr.

A María Fernández García, artista de variedades, o golpe de Estado sorprendeuna en Oviedo. Levaba dez días a actuar no cabaret “Gong” e

“durante el asedio de aquella capital no pudo actuar y además perdió todo el vestuario por haberse incendiado la casa donde se hospedaba, y también alguna ropa de uso personal, por cuyo motivo no puede buscar trabajo en esta capital, careciendo de medios económicos.

“Se encuentra en esta ciudad desde hace unos quince días” e quería desprazarse a Zaragoza, onde tiña uns familiares “que la ayudarán para ver si puede volver a encontrar trabajo”. Concedéuselle tamén un billete “a cuarta parte de precio”.

 

Estes expedientes forman parte do fondo do Goberno Civil da Provincia da Coruña e estanse a describir de forma individual para dixitalizalos proximamente.