Provincias

Cúmprense hoxe, 30 de novembro, 187 anos do Decreto que estableceu a nova división provincial en España en 1833.
En Galicia, iso significou a desaparición das antigas "provincias" (divisións da provincia maior ou reino de Galicia) de Betanzos, Mondoñedo, Santiago e Tui. A nova organización territorial de provincias e municipios (establecidos tamén naquel ano), debida á iniciativa do ministro Javier de Burgos, recollía en realidade o froito dun vello proxecto, acometido durante o Trienio Liberal (1820-1823) sobre a base da división en provincias do censo de 1797 e logo paralizado, para modernizar a estrutura administrativa do Estado de acordo cos principios liberais de unidade, uniformidade e centralización. Así, fronte á diversidade e a escasa racionalidade da división anterior, a nova división que se implantó buscou conxugar eses principios con criterios xeográficos e históricos, se ben os resultados non sempre fosen coherentes con aqueles.
Os mapas que acompañan representan esas dúas realidades, a vella e a nova, separadas neste caso só por 37 anos. O primeiro é un mapa alemán impreso en Nürimberg en 1800 a partir do mapa elaborado polo xeógrafo Tomás López en 1784 e impreso en Madrid. O segundo, do que foi autor A. H. Dufoour, está impreso en Madrid no ano 1837, catro anos despois da entrada en vigor da nova división provincial.