San Cibrao

Este plano non forma parte do documento ao que está unido, unha executoria (un expediente para cumprir a sentenza dada nun preito) do ano 1736 procedente do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.
Máis ben parece que é un fragmento dun plano maior usado como capa ou encadernación dun caderniño do expediente xudicial, dado que non parece ter ningunha relación co asunto nin cos lugares que se mencionan neste.
Como se observa, o plano describe o límite das antigas xurisdicións de Allariz e Vilariño do Campo, na actual provincia de Ourense, mentres que o preito refírese a bens situados en San Xián de Artes, en Ribeira (A Coruña). Polo demais, é moi posible que o lugar que se describe no deseño se corresponda co chamado "Mirador de San Cibrao", no actual concello da Bola (Ourense).