Santo André

Arquivo do Reino de Galicia. Colección cartográfica e iconográfica. Carta Geométrica de Galicia / Domingo Fontán. [Paris] : Imp. de Lemercier, 1845. Sign.: CC MB 84-2
Data de publicación: 14-12-2020 Data de fin: 14-03-2021

  O día 23 de setembro de 1939 tivo lugar en Santo André de Teixido e Teixidelo, concello de Cedeira (A Coruña), unha chuvia torrencial que produciu graves danos nos “tres únicos caminos de comunicación con San Andrés”. O alcalde de Cedeira (A Coruña) solicitou axuda do Goberno Civil e este trasladou a petición ao Ministerio da Gobernación. 

 

No informe que o alcalde de Cedeira remitiu ao Goberno Civil, dise que:

 

“El lugar de San Andrés se halla enclavado en un profundidad rodeado de altos montes teniendo como único acceso tres cuestas muy pendientes por las que se sirven los labradores, una para venir a esta villa, otra que presta servicio para la Feria de la Barquera, en el Ayuntamiento de Cerdido, y otras parroquias de este Ayuntamiento y la tercera que comunica con inmediatos lugares ye es la única que conduce a Ortigueira.”

 

Os únicos vehículos que circulaban por eses camiños eran, segundo o informe, uns carros sen rodas denominados “rastros”, “único medio de locomoción por tracción animal que , por lo pendiente de las cuestas puede utilizarse.”

 

O impacto da chuvia foi tal que produciu grandes buracos neses camiños ou costas “de más de dos metros de extensión y alguno de metro y medio de profundidad, y en casi toda su longitud, que oscila entre dos y quatro kilómetros”, que impediron incluso a circulación destes primitivos artefactos.

 

Aos “rastros”, refírese Xaquín Lorenzo Fernández (“rastras ou corzas” os denomina el) no volume dedicado a Etnografía: cultura material da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo, publicada en Bos Aires pola Editorial Nós en 1962 (V. II, p. 726), quen cre que non debe considerarse sen máis antecedente do carro. Di que se empregaba para o transporte da leña, do feno e, sobre todo, de pedras grandes.

 

O gobernador civil trasladou a petición de axuda que lle facía o alcalde ao Ministerio da Gobernación, pero o subsecretario da Gobernación contestou tallante que “en el Presupuesto de este Ministerio no existe cantidad alguna para el socorro de los perjudicados con los temporales, debiendo ese Gobierno, con los medios que estén a su alcance, atender en lo posible las necesidades a que se refiere su citada comunicación”. Vese que daquela existían outras prioridades para o Ministerio da Gobernación.

 

Este expediente ten a signatura 32534-100 e pertence ao fondo do Goberno Civil da provincia da Coruña. Acompañámolo da sección do mapa de Galicia de Domingo Fontán correspondente á parte noroccidental de Galicia (Sign. CCMB-84-2).