Incunable

Arquivo do Reino de Galicia. Folio do Misal Compostelano? 1495. Sign.: arg_rag_2192_7 (v)
Data de publicación: 29-03-2021 Data de fin: 29-06-2021

Un posible fragmento do Misal Compostelano de 1495


Son numerosos os fragmentos de documentos desfeitos e de libros desencadernados e reutilizados (normalmente como capas de encadernacións) que se conservan no arquivo.
Gardan historias e saberes case imposibles de reconstruír. Historias que foron pero que xa nunca volverán ser, porque non seremos quen de as contar de novo. Coñecementos case irremesiblemente esquecidos, coma as mulleres e os homes que os produciron ou viviron.

 
Algo diso sucedeu con este folio que amosamos. Cremos (só cremos, os especialistas deberán ratificalo) que pode corresponder ao famoso Misal Compostelano, un dos primeiros incunables galegos.
Deste libro só se conservan uns fragmentos, localizados e identificados, os primeiros, por Antonio Odriozola, e logo algúns outros por José Ignacio Cabano no Arquivo da Catedral de Santiago. Encargado polo arcebispo de Santiago Alonso II Fonseca a Juan de Porras en 1495, parece que foi impreso en Monterrei cos mesmos tipos de imprenta que utilizaron Gonzalo Rodriguez de la Pasera e o mesmo Juan de Porras para imprimir en Monterrei (Verín, Ourense), en 1494, o famoso Misal Auriense, o primeiro incunable galego que se conserva.
Este folio forma parte dunha executoria (un expediente xudicial que se tramita para dar cumprimento a unha sentenza) solicitada polo Cabido da Catedral de Santiago en 1725 á Real Audiencia de Galicia sobre reivindicación da propiedade de bens no actual concello de Valga (Pontevedra) (http://arquivo.galiciana.gal/.../gl/consulta/registro.do...).
 
A executoria é moi voluminosa, pois comprende tres grosos atados. No segundo deles, áchase un caderniño, datado en 1598, que contén os autos de posesión de certos bens a favor de Pedro Díaz Patiño. O folio impreso en pergamiño utilizouse como contracapa para protexer as follas dese caderno.
 
O fragmento é moi parecido a calquera outro códice litúrxico manuscrito medieval. Pero unha observación atenta revela, pola regularidade que presenta a letra gótica no que está escrito, que está impreso. A comparación do folio cos outros coñecidos do Misal Compostelano e co Misal Auriense serve como base para a hipótese de que se trata dunha folla daquel libro.
 
Por que se desfixeron este e outros libros litúrxicos medievais? Polos cambios que impuxo na liturxia o Concilio de Trento, celebrado de forma discontinua entre 1545 e 1563. O novo misal promulgouse polo papa Pío V no ano 1570.
Este folio contén a liturxia da misa do V domingo de Coresma e recolle o texto do evanxeo de Xoán, 11, que relata a resurrección de Lázaro. Correspóndese cos folio 54 e 55 do exemplar do Misal Auriense que se conserva na Biblioteca Nacional (http://bdh-rd.bne.es/viewer.vm?id=0000176350&page=1).
 
O noso fragmento pode admirarse en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia (http://arquivo.galiciana.gal/.../gl/consulta/registro.do... ). Ten a signatura 2192-7 do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.
Como xa contaramos noutra ocasión, conservamos outro pequeno fragmento do Misal Compostelano que se atopou na encadernación dun libro de rezos da diócese de Santiago de 1596 ( http://arquivo.galiciana.gal/.../gl/consulta/registro.do... )