Pelouriño

Arquivo do Reino de Galicia. Real Audiencia de Galicia. Plano dun tramo da rúa do Pelouriño / Luis Mosquera Andrade. 1749. Sign.: 2411-56-1.
Data de publicación: 02-07-2021 Data de fin: 31-10-2021

 

No ano 1749, dona Andrea del Valle Valenzuela, viúva de Ourense, puxo preito a Martín Pérez de Santamaría sobre a apertura dunha xanela na casa que este tiña contigua á súa. Para dilucidar os dereitos en disputa encargouse a realización dun mapa a Luis Mosquera Andrade, "arquitecto, cosmógrafo e pincelista".

Como se aprecia, o resultado foi espectacular, se ben parece que a Real Audiencia de Galicia non se deixou impresionar pola beleza e claridade do "mapa", claramente parcial ao demandado,  e fallou a favor de dona Andrea.

Como unha das razóns que argumentaba esta era que desde esa ventá se podían "arrojar ynmundicias en la entrada de la casa de mi parte", o arquitecto pincelista dedicou parte da exposición que acompañou co plano a demostrar o contrario. A explicación deixa moi claro algo que é ben coñecido, pero que aínda hoxe non deixa de sorprendernos:

"... pues para echar ynmundicias y despojos de aguas el referido Martín tiene otra ventana más a propósito para hazerlo al medio de la calle y conducto por donde transita el arroio de aguas que biene de San Cosme, el que limpia las ynmundicias de dicha calle y por esta razón se tiene más combeniencia echarlas a él y no por la ventana de la questión, pues por debajo transita la gente y no por el medio de la calle, por bañarle el arroio..."

En Galiciana. Arquivo Digital de Galicia puede verse una descripción del plano.