Beneficios

Arquivo do Reino de Galicia. Colección de documentos soltos. Título da metade do beneficio curado das igrexas de San Xoán de Cutián e San Xiao de Facha a Juan Martínez, crego. 1468, decembro, 20. Abeancos (Melide). Sign. 26957-5-1
Data de publicación: 27-08-2021 Data de fin: 30-11-2021
No Antigo Réxime (antes de 1834, aproximadamente), as parroquias mantíñanse coas rendas e produtos da terra dos seus igrexarios e de parte dos dezmos que percibían dos fregreses. Durante a Idade Media, moitos nobres usurparon ou conseguiron por diversas vías acceso a esas rendas, así como o dereito de presentar as persoas, cregos ou non, que podían ser titulares da parroquia. Así que estas institucións funcionaban tanto como entidades para o goberno espiritual dos fieis coma verdadeiras unidades económicas. Neste senso enténdese que se denominasen tamén “beneficios” e que fosen obxecto de desexo para cregos e laicos, de maneira que as súas rendas dividíronse ata extremos inconcebibles en moitos casos co paso dos séculos.
O 20 de decembro de 1468, un frade do Convento do Sancti Espíritu de Melide nomeou, con poder do arcediago de Abeancos da Diócese de Lugo, beneficiado “das metade con cura” (é dicir párroco, pois podía ser “sen cura”) das igrexas de San Xiao de Facha e San Xoán de Cutián, en Antas de Ulla, a Juan Rodrigues, crego.
O documento ilustra ben o temor dos eclesiásticos á intromisión dos seglares nestes beneficios. Por iso, o representante do bispado advírtelle de dúas cousas:
1. Que garde ben o título e non llo dea a ningún seglar, a non ser o seu pai ou a súa nai e
2. Que non parta as rendas con ningunha persoa leiga:
.. a todos los omes e molleres frigreses e parrochiannos da parrochial iglesia de San Gillaao de Fascha et de San Joán de Cotián sytas enno dito arçidianalgo da Diócese de Lugo saúde en Deus.Sabede que eu por virtude de hun poder e comisón por lo dito sennor arçidianoa min outorgado,e a apresentaçon dos padróos verdadeiros ante mi presentados eu fige e fago títolo e colaçón provisón e canónica instituyçón da metade con cura da iglesia de San Gillaaao de Fascha et da meetade con cura de San Joán de Cotián, con todos los diçemos e froytos e rentas e outros quaes quer direituras devidas e perteçentes a a metade con cura de cada huna das ditas iglesias que agora ao presente vacaron et estavan vacas por morte e faleçemento de Afonso Fernandes de Facha, último crego que delas foy et por outra quaesquer vía e modo que vacasen e sejan vacas a Juan Martines, crego, o qual jurou en minas amos que el non partiría os froytos e rentas das ditas metades das ditas iglesias con cura con persona leyga alguna et que el tivese e gardase esta presente letra de títolo en seu poder e de o non dar en garda a outra persona alguna salvo a seu padreou madre ou a outra persona eclesiástica seu amigo fiel, e que fose e será obediente ao dito sennor arçidiano...
Corenta e dous anos despois, tralo seu falecemento, nomearase outro por presentación de Lopo Sánchez de Ulloa, un nobre.
Este documento ten a signatura 27957-1 da Colección de documentos soltos.
Pode lerse en Galiciana.Arquivo Dixital de Galicia en: http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/es.ga.15030.arg/gl/consulta/registro.do?id=1897957