Letras galegas: mulleres en galego

Data de inicio: 17-05-2016 Data de fin: 31-12-2016
Documento 2: Colección de documentos en pergamiño. María Yáñez vende a Juan Suárez de Escañoi a herdade que posúe en Escañoi por vinte soldos. 1287, xuño, 21. 1 doc. en perg. , 75 x 126 mm. Galego, Letra de albalaes. Sign. P- 520

Desta forma, queremos destacar o papel que as mulleres xogaron e xogan na sociedade, a pesar das dificultades de toda orde ás que sempre se tiveron que enfrontar. Con isto, ofrecemos tamén un adianto do que será unha mostra máis ambiciosa sobre o tema da muller que temos previsto realizar dun xeinto máis profundo máis adiante.

A exposición reivindica tamén o papel dos arquivos como depósitos eminentes da memoria colectiva: daquilo que non queremos esquecer. Lembramos por iso como foi un arquiveiro deste arquivo, Andrés Martínez Salazar, un dos que primeiro compilou, transcribiu e publicou documentos escritos en lingua galega a comezos do século XX.

Eses documentos achábanse xa daquela depositados no Arquivo do Reino de Galicia, onde ingresaran – grazas aos seus desvelos- procedentes dos mosteiros e conventos da provincia da Coruña incautados polo Estado no século XIX.

O discurso que articula a exposición é moi sinxelo: realiza un percorrido cronolóxico desde o século XIII, período no que comezan a aparecer testemuños escritos en galego, tanto de carácter literario coma xurídico, ata o século XX.

Así, co prólogo dun documento emblemático, escrito en latín e do que é protagonista unha raíña, percorremos un longo camiño que atravesa a etapa da formación da lingua, o desenvolvemento e imperio do galego durante os séculos da baixa Idade Media, o devalar da súa presenza escrita cos cambios políticos e administrativos impostos pola Monarquía dos reis católicos, a súa práctica desaparición durante os séculos XVII e XVIII e o seu lento rexurdimento nos séculos XIX e XX.

A escolma documental segue este esquema. Predominan os criterios lingüísticos e de xénero, como dixemos, pero tamén están presentes os paleográficos (evolución dos distintos tipos de letra), os materiais (a evolución do soporte do pergamiño ao papel) ou os puramente estéticos.

No primeiro andar do edificio do arquivo, no Xardín de San Carlos, amósase unha selección dos documentos orixinais. Estará aberta dende o 16 de maio ata o 16 de xuño.