Procedencia

Historicamente, o Arquivo do Reino de Galicia recibiu en primeiro lugar transferencias documentais da Real Audiencia de Galicia e do organismo que a substituíu, a Audiencia Territorial da Coruña.

No século XIX recibiu ademais fondos da Real Intendencia de Galicia, do antigo Xulgado de Correos e Camiños e protocolos notariais de escribáns defuntos.

No século XX comeza a recibir  fondos de ámbito provincial e de carácter rexistral, xudicial e da Administración central periférica, no contexto de diversas disposicións legais, en espacial do Decreto 914/1969, de 8 de maio: Contadurías de Hipotecas, Tribunais laborais da provincia da Coruña, Delegación de Hacienda, Delegación Provincial de Educación, Goberno civil, Delegación Provincial da Organización Sindical, etc.

Na actualidade remiten regularmente os seus fondos documentais ao Arquivo por transferencia os órganos da Administración xeral do Estado  e da xudicial, as delegacións da Xunta na provincia da Coruña.

Recolle ademais fondos por outras formas de ingresos: doazóns, depósitos en réxime de comodato e compras. Por esta modalidade tiveron entrada no Arquivo do Reino de Galicia fondos documentais coma o do Colexio de Arquitectos de Galicia, arquivos de empresas (Faustino Fernández Manzano, Hijos de Simeón García y Cía de Vilagarcía de Arousa,...), arquivos de familias (marquesado de San Martín de Ombreiro, condado de Priegue, Pazo de Brandeso, Torre Xunqueiras,...) e arquivos individuais (María Barbeito, Carlos Martínez-Barbeito, Ricardo Palmás,...).

Na actualidade, o Arquivo reúne máis de 250 fondos diferentes que comprenden 154.000 unidades de instalación e 132.000 unidades documentais. Todos eles ocupan uns 22.500 metros lineais de andeis, aproximadamente. A súa cronoloxía é amplísima pois vai desde o ano 867 ata 2006.

Bases de datos

Fondos documentais
Fondos bibliográficos