O 8 DE XUÑO, CO GALLO DA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DOS ARQUIVOS, O ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE ORGANIZA VISITAS GUÍADAS E UNHA MOSTRA DOCUMENTAL COA QUE SE CONMEMORA O BICENTENARIO DA CONSTITUCIÓN DE 1812 NO CONTEXTO DA INVASIÓN NAPOLEÓNICA

1810, febreiro, 20. Plymouth. Pasaporte para estranxeiros expedido a favor de Pedro Ventura de Puga para viaxar do porto de Plymouth a Londres a fin de comprar armamento para a loita antifrancesa. AHPOu, Concello de Orense, caixa. 291.
Data de publicación: 08-06-2012

O venres 8 de xuño, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense festexará o Día Internacional dos Arquivos cunha xornada de portas abertas na súa sede da rúa Hernán Cortés 2, con visitas ás 12.30 hs. e ás 18.30 hs. nas que se amosarán distintos documentos relacionados co “Bicentenario da Constitución de 1812”.

Cada 9 de xuño (este ano trasládase ao día 8) celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Arquivos para conmemorar a creación nesa data do Consello Internacional de Arquivos (ICA). Esta organización non gobernamental, fundada baixo os auspicios da UNESCO en 1948, promove a conservación e uso dos arquivos en todo o mundo. O seu obxectivo é contribuír á xestión dos documentos e dos arquivos e a preservación do patrimonio arquivístico da humanidade.

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) únese a esta celebración a traveso dunha xornada de portas abertas que consistirá na organización de visitas guiadas ás 12.30 hs. e ás 18.30 hs. na súa sede da rúa Hernán Cortés 2.

Nas visitas daranse a coñecer os servizos que oferta o AHPOu, cales son as funcións dun arquivo histórico provincial e farase unha breve introdución ao contido dos seus fondos documentais. Por último, dedicarase algún tempo a contextualizar os documentos dunha pequena mostra que este ano se dedica ao Bicentenario da proclamación da Constitución de 1812 e da invasión napoleónica (1808-1813), así como dos trancendentais cambios históricos que desencadearon estes dous acontecementos.

Estes feitos están reflectidos en numerosos documentos que se custodian no AHPOu, a partir dos cales se fixo a selección que se poderá contemplar nas mencionadas visitas guiadas: papeis relacionados coa loita antifrancesa como os xerados pola Xunta Provincial de Defensa e Armamento de Ourense ou polo batallón de voluntarios comandado polo capitán Cachamuíña, heroe da Reconquista de Vigo. En relación coa Constitución de 1812 poderanse ver as actas municipais nas que se recollen as cerimonias que se celebraron na cidade de Ourense na xura e proclamación do texto constitucional.