Os últimos números da publicación divulgativa FRONDA, editada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense, poden descargarse no Portal de Arquivos de Galicia ou na páxina web do AHPOu

Data de publicación: 05-10-2012
Xa se pode acceder desde o Portal de Arquivos de Galicia aos números 38, 39 e 40 de Fronda. No primeiro deles volvemos aos arquivos municipais a traveso das ordenanzas xerais da cidade de Ourense do ano 1562. As ordenanzas son unha tipoloxía normativa e documental que os concellos veñen emitindo dende a Idade Media para regular os asuntos nos que foron ou son competentes. Na medida en que regularon as máis diversas actividades da vida urbana, son unha fonte excepcional para o coñecemento das sociedades das vilas e cidades do pasado.
 
En marzo de 2012 cumpríronse 200 anos da proclamación da Constitución de 1812, fito co que culminou o proceso de ruptura política desencadeado en España pola ocupación francesa do ano 1808, e que tamén significou o inicio dun longo e tortuoso camiño dirixido a implantar en España un réxime parlamentario baseado nos principios do liberalismo. No número 39 de Fronda, o libro de acordos do ano 1812 do Concello de Ourense trasládanos a aquel duro ano de guerra e fame no que, non obstante, se festexou a proclamación da primeira constitución española.
 
Por último, no número 40, continuando a serie dedicada aos arquivos notariais, conmemoramos o 150 aniversario da promulgación da Lei do Notariado de 1862 a traveso dun protocolo do ano seguinte. Esta norma significou a adaptación da antiga institución notarial ao novo marco xurídico e administrativo establecido polo Estado liberal. Tamén contribuíu a mellorar a custodia dos protocolos notariais, razón pola cal estes fondos constitúen na actualidade unha das masas documentais máis voluminosas e mellor conservadas do noso patrimonio documental e tamén unha das máis consultadas nos arquivos históricos provinciais.