Visita guiada dirixida a profesionais da enfermaría no Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Debuxo do edificio renacentista do Hospital de San Roque realizado por Ático Noguerol (1888-1842) a principios do século XX. AHPOu, Colección de debuxos de Ático Noguerol, caixa 9579.
Data de publicación: 26-10-2012
No marco dun curso de formación organizado polo sindicato SATSE, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense desenvolveu unha visita guiada para 15 profesionais da enfermaría. O curso, titulado “Iniciación á investigación na historia da Enfermaría”, tamén incluía no seu programa unha sesión práctica con documentos do AHPOu.
Na visita mostráronse documentos procedentes de fondos monásticos e municipais nos que se reflicten cuestións relativas a cirurxiáns, barbeiros sangradores, hospitais, etc. Tamén protocolos notariais e libros do Catastro de Ensenada que se presentan como fontes valiosísimas para abordar esta rama da Historia.
Por último, tiveron unha representación salientable diversos documentos significativos do fondo do Hospital de San Roque, particularmente aqueles nos que se reflicten aspectos da actividade clínica durante o Antigo Réxime. O debuxo que ilustra esta nova -realizado por Ático Noguerol (1888-1942) a principios do século XX- do desaparecido edificio renacentista do Hospital de San Roque, serviu para poñerlle imaxe a unha institución algo esquecida polo paso do tempo.