Visita guiada de alumnos da Facultade de Historia ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Data de publicación: 15-11-2012
Os días 30 de outubro e 8 de novembro o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) organizou senllas visitas guiadas dirixidas a alumnos de Fontes de Información en Humanidades, unha materia do primeiro curso do Grao de Xeografía e Historia que se imparte na Facultade de Historia de Ourense.
 Para o alumnado supuxo o seu primeiro contacto cun arquivo, os seus instrumentos de descrición e coas fontes primarias da Historia. Informóuselles dos servizos que oferta o AHPOu, cales son as funcións dun arquivo histórico provincial e fíxose unha introdución xeral ao contido dos seus fondos documentais. A continuación se lles mostraron documentos representativos das épocas medieval, moderna e contemporánea acompañando a mostra dunha explicación na que se contextualizaron os documentos na realidade política, económica e social do momento no que foron xerados.
O máis antigo dos documentos mostrados está datado no ano 974, mentres que un dos máis recentes é o que ilustra esta nova, o cartel anunciador dun mitin de Castelao e Luis Soto celebrado no transcurso da Guerra Civil. Este documento procede do fondo persoal de Luis Soto.