Visita guidada de alumnos/as dun curso de Xestión de Arquivos e Bibliotecas organizado por FORGA

Data de publicación: 03-12-2012
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) desenvolveu unha visita guiada para empregados/as públicos/as que realizaban un curso de formación titulado “Xestión de Arquivos e Bibliotecas”,organizado pola Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza (FORGA).
A visita comezou cunha introdución xeral sobre cales son as funcións que desenvolve o AHPOu no marco do Sistema de Arquivos de Galicia e os servizos que ofrece aos cidadáns, así como sobre o contido dos seus fondos. A continuación puideron contemplar unha mostra dedocumentos representativos das épocas medieval, moderna e contemporánea correspondentes aos fondos e coleccións máis salientables. A mostra acompañouse dunha explicación na que se contextualizaron os documentos na realidade política, económica e social do momento no que foron xerados, e rematou cun percorrido polos depósitos, biblioteca auxiliar e sala de consulta.
A imaxe que ilustra esta nova reproduce un dos documentos que foron mostrados. Trátase da representación gráfica do escudo do apelido Rajo de Argeriz que se atopa na certificación de armas expedida polo cronista e rei de armas D. Juan de Mendoza o 15 agosto de 1680 a solicitude de D. Francisco Teyxeiro Rajo y Ulloa. Esta liñaxe entroncou cos Puga de Fontefiz e a súa documentación atópase dentro do fondo dos Marqueses de Leis (L. 12). Este fondo, doado por D. Isauro Pardo, marqués de Leis, na década de 1940 foi o primeiro arquivo fidalgo que ingresou no AHPOu e pode considerarse un dos máis ricos e interesantes entre os fondos familiares que se custodian neste centro.