Visita de estudantes da Facultade de Historia ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Data de publicación: 11-03-2013
O día 13 de xaneiro o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) recibiu unha visita guiada dirixida a estudantes de Metodoloxía da Historia, unha materia do segundo curso do Grao de Xeografía e Historia que se imparte na Facultade de Historia de Ourense.
Este tipo de visitas inscríbense no marco de colaboración do AHPOu coa Universidade de Vigo e teñen por finalidade poñer en contacto ao alumnado coas fontes primarias da Historia. O enfoque da visita axustouse ao programa da materia, de xeito que os estudantes captaran a potencialidade informativa dos distintos fondos documentais segundo a aplicación de distintas metodoloxías historiográficas.
Como se adoita facer nestas visitas, informouse dos servizos que oferta o AHPOu, cales son as funcións dun arquivo histórico provincial e fíxose unha introdución xeral ao contido dos seus fondos documentais a traveso da mostra  de documentos representativos das épocas medieval, moderna e contemporánea.
Un dos documentos mostrados foi o plano alzado da porta da Aira, cuxa imaxe ilustra este texto. Trátase do plano utilizado para a reconstrución no século XVII dunha das antigas portas da cidade de Ourense e atópase inserido nun protocolo notarial. Serve para exemplificar o valor desta fonte documental para o estudo do urbanismo e da Historia da Arte.
Visualizar imaxe