Os últimos números da publicación divulgativa FRONDA, editada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense, xa poden descargarse na súa páxina web

Os números 41 e 42 de Fronda abren unha nova liña temática dedicada aos fondos das institucións benéfico-asistenciais que se conservan no Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu). O libro de actas do ano 1858 da Xunta Provincial de Beneficencia sérvenos para facer un primeiro achegamento aos mesmos, así como para repasar a evolución da asistencia social e sanitaria desde o prisma da caridade cristiá, pasando pola beneficencia pública ata chegar a actual concepción de dereito social universal.
 
No número 42, o Regulamento de 1851 do Hospital de San Roque de Ourense introdúcenos no funcionamento desta institución fundada no século XVI polo bispo Francisco Blanco. Trátase da entidade que mellor ilustra o discorrer da asistencia sociosanitaria en Ourense durante os últimos 450 anos, de xeito que o seu fondo documental se presenta como o máis importante por volume e interese informativo entre os fondos de institucións benéfico-asistenciais conservados no AHPOu.
 
Por último, no número 43, abórdase unha cuestión tan actual como a crise da débeda pública, aínda que referida á época dos Austrias.Un privilexio de xuro outorgado por Filipe IV (1605-1665) á cidade de Ourense en 1650 serve de exemplo do proceso de emisión masiva de débeda que realizou este monarca para facer fronte á etapa máis crítica da Monarquía Hispánica durante o século XVII.
 
Para descargar os textos de Fronda en PDF prema en Publicacións e logo en Ler máis
Imaxes dos documentos dos números 41, 42 e 43 de Fronda