DÍA INTERNACIONAL DOS ARQUIVOS NO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE

Data de publicación: 04-06-2013
Cada 9 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Arquivos para conmemorar a creación nesa data do Consello Internacional de Arquivos (ICA). Esta organización non gobernamental, fundada baixo os auspicios da UNESCO en 1948, promove a conservación e uso dos arquivos en todo o mundo. O seu obxectivo é contribuír á xestión dos documentos e dos arquivos e a preservación do patrimonio arquivístico da humanidade.
 
O venres 7 de xuño, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) únese a esta celebración a traveso dunha xornada de portas abertas que consistirá na organización de visitas guiadas ás 12.30 hs. e ás 18.30 hs. na súa sede da rúa Hernán Cortés 2 (máximo de 20 persoas por visita). Boa parte da visita dedicarase a comentar a mostra documental que este ano se dedica á fe pública e á documentación xerada por escribáns e notarios ao longo da Historia.
 
Os arquivos históricos provinciais concentran unha parte moi importante deste rico acervo documental e facilitan o acceso ao mesmo nas súas salas de consulta. Na mostra documental organizada polo AHPOu poderanse contemplar pergamiños con escrituras medievais, rexistros de escrituras e protocolos notariais con información textual e figurativa de interese para a historia de Ourense. Tamén poderán verse expedientes xudiciais nos que os escribáns actuaron como secretarios de xulgado, así como libros de actas do Concello de Ourense do século XVIII, nos que o escribán de número exercía a función que hoxe desempeñan os secretarios municipais.
 
En definitiva, tratarase de facer ver a importancia da fe pública á hora de garantir a autenticidade dos documentos e como iso contribuíu ao afianzamento da seguridade xurídica no funcionamento das comunidades humanas complexas.